Dolores Rodeiro Boado
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 29 de marzo de 1852 Santiago de Compostela |
| Morte | valor descoñecido |
| Actividade | |
| Ocupación | escultora |
| Familia | |
| Pais | Francisco Antonio María Rodeiro Permuy |
| Descrito pola fonte | Dicionario de Mulleres Galegas, (p.377) Álbum de Galicia |

Dolores Rodeiro Boado, nada o 29 de marzo de 1852 en Santiago de Compostela, considérase a primeira muller escultora galega da que hai rexistros documentais. Descoñécese a data do seu falecemento. Na zona de Sar, en Santiago de Compostela, ten unha rúa co seu nome.
Formación
[editar | editar a fonte]Viviu na rúa do Vilar, 49, segundo o padrón municipal de 1898 de Santiago de Compostela.
"María Dolores Rodeiro Boado naceu en 1852. En 1898 vivía na rúa do Vilar, nº 49, e tiña por profesión escultora, única nesta profesión que atopamos no pasado século XIX. Estes Rodeiro teñen moitas esculturas de santos relixiosos por toda Galiza".[1]

Estudou na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, onde recibiu formación das especialidades de Debuxo do Antigo e de Modelado do Antigo, grazas a unha pensión da Deputación da Coruña que obtivo no ano 1881.[2] Con todo, na acta de 4 de febreiro de 1869 do Pleno da Deputación, xa consta a súa primeira solicitude.
"A primeira pensión artística, á marxe de convocatoria oficial ou regulamento algún, concédeselle a unha muller, Dolores Rodeiro Boado para seguir os seus estudos de escultura en Madrid, en 1881. O curioso é que xa en 1869, con tan só 16 anos a solicitara".[3]


En La Voz de Galicia do 23 de abril de 1884, dáse conta da prórroga concedida por dous anos máis a esta pensión económica da Deputación para contribuíren a completar a súa formación como escultora en Madrid.
Canda ela, tamén estudou a súa irmá Vicenta Rodeiro Boado (1861-1931) na Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado, filial da Academia de Belas Artes de San Fernando, que participara na Exposición de Lugo de 1877.
Obra artística
[editar | editar a fonte]En 1875, Dolores Rodeiro obtén mención honorífica na Exposición Rexional e Industrial e Artística de Galiza de Santiago de Compostela por dúas pezas, que representan un crucifixo e mais un santo Ignacio de Loiola.[4]
De volta a Santiago, traballa no obradoiro de escultura familiar situado na rúa das Rodas, 16, xunto ao seu pai Francisco Antonio María Rodeiro Permuy (1813 -1873). Alí realizan tallas de imaxes relixiosas en madeira, cun característico 'movemento en S' das figuras e cos rostros idealizados, con abondosos pregados na roupa e composicións frontais en triángulo isóscele. Pese a que Dolores Rodeiro se dedicou profesionalmente á escultura, a maioría das pezas saídas deste obradoiro están asinadas polo seu pai.
"Aínda que a filla continúa o estilo paterno, nótase nas súas tallas máis delicadeza nas roupas e máis finura nas súas encarnacións, con gustos claramente femininos". José Cardeso Liñares.[5]
Ademais do crucifixo e do santo Ignacio, son da súa autoría, con sinatura propia na peaña, a Inmaculada Concepción de San Martiño de Tabeaio, en Carral, e a Virxe do Rosario de San Xián de Artes, en Ribeira.[6][7] Para a Catedral de Astorga tallou un Santiago Peregrino, do que se fixo eco a prensa, cun artigo en que se louva o traballo da artista galega, cun comentario de xénero sobre a profesión de escultora.[8]
"Cada vez máis, admirámonos de que obra de tales dimensións e tan ben acabada sen faltar á ningunha das regras da estética fose executada por unha muller, non porque creamos lle estea vedado ao belo sexo profesar a arte dos Fidias, Miguel Anxo, Canova, Benvenuto Cilini e Montañés senón porque a execución da arte demanda condicións que non son fáciles de se encontrar na débil estrutura da muller".
A Rede de Patrimonio Cultural, en agosto de 2020, advertiu[9] da posta á venda nunha tenda de antigüidades[10] dunha escultura que representa Santiago Peregrino, obra de Dolores Rodeiro Boal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pereira Bueno, Fernando (2004). A presenza das mulleres pintoras na arte galega, 1858-1936. Sada, A Coruña: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-8485-154-7.
- ↑ "Acta_09_04_1881" (PDF). Arquivo de documentación da Deputación da Coruña. Consultado o 11/07/2025.
- ↑ "Acta_04_02_1869" (PDF). Arquivo de documentación da Deputación da Coruña. Consultado o 11/07/2025.
- ↑ Adán, Carme (coord.) (2023). Corenta mulleres tecendo xuntas. Deputación da Coruña.
- ↑ Pulido (dir.), Antón (2002). Artistas galegos. Escultores. Nova Galicia edicións. ISBN 978-8496070073.
- ↑ Caderso Liñares, José (Decembro, 2001). "Dolores Rodeiro, escultora compostelana del siglo XIX". Esculca (8).
- ↑ "Los Rodeiro: padre e hija, escultor@s. Mª Dolores Villaverde Solar." (PDF). Dialnet. Consultado o 11/07/2025.
- ↑ Galega, Consello da Cultura. "Dolores Rodeiro Boado - Album de Galicia". CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Consultado o 2025-07-11.
- ↑ "Do muro da historiadora da arte Carmela Sánchez Arines". Facebook Patrimonio Cultural. Consultado o 11/07/2025.
- ↑ "Escultura de Santiago Apóstol de Dolores Rodeiro". antiguedadescondedearanda.com (en castelán). Archived from the original on 01 de outubro de 2020. Consultado o 2025-07-11.
| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dolores Rodeiro Boado |